Con imaxinación e fina sensibilidade, María García compón un cadro de estampas narrativas breves no que conviven o mito e o humor, a lenda e o poema. Relatos das pequenas cousas que reivindican o seu lugar no mundo. Obxectos humanizados como metáforas dos nosos desexos e soños e personaxes en eterno conflito debuxados coa mirada tenra e fonda da autora. Follas que non se deixan arrastrar pola corrente, trasnos que contan estrelas, pintoras salvadas pola súa arte ou monos que triunfan por non seren gregarios salferen este delicioso libro que por enriba de todo manifesta o poder cenital da palabra.
En Alma de grilo atoparás un feixe de fábulas, contos e microrelatos que exploran a complexa condición humana, coas súas debilidades e fortalezas, cos seus paradoxos.
Podes lelos ó chou, pero prégoche que o fagas amodo, engorde, paseniño, de xeito artesanal, porque Alma de grilo é unha obra por acabar que busca a túa complicidade na construción e reconstrución do seu sentido. Es ti, individualmente, quen posúe o don de atopar a esencia de cada historia, e nun mundo que camiña tan axiña, onde nada que non sexa inmediato atopa acomodo, non é doado acompasar emoción e pensamento.