Bergantiños é terra labrega e mariñeira -"terra roxa ó arar" cantaba Pondal- e batida dos ventos. Terra con montañas de cumes redondeados e dun amplo e sosegado val, o que conforma o leito do seu principal río: Anllóns. E terra de pequenos vales transversais que nacen de curtos afluentes ou daqueloutros regatos que buscan non un horizonte fluvial, senón unha paisaxe marítima.