As cantigas critican os comportamentos que perturban a orde social, concretamente aquelas actuacións e situacións que rompen o ideario de excelencia social e moral que se lle supoñía á nobreza e aos cargos eclesiásticos. Os elementos perturbadores da orde "ideal" da sociedade feudal peninsular e aqueles outros que incumprían os preceptos do Cristianismo van ser reconducidos a través da sátira ou do exemplum á norma que debía guiar a todo nobre que se prezase da súa condición social. A lectura e a interpretación do pasado literario galego- portugués amosa dende perspectivas complementarias a apoloxía do réxime cristián-feudal tanto na súa vertente relixiosa como laica.