O interminábel devalar da Igrexa católica non se entende sen unha estruturación ferreamente xerárquica, na que a figura do pontifex maximus é o gromo de aceiro que a sostén, por moito de que se fale de primus inter pares ou de servus servorum Dei. O papado, cos seus altos e baixos, aglutina ao seu redor todo un entramado de intelixencias e fidelidades que se transmite á masa dos crentes, ao tempo que vela pola ortodoxia do dogma e polo cumprimento da moral. Neste libro trázase unha historia do papado onde se tentan amosar as súas contradicións, os seus feitos heroicos e as súas accións indignas, sempre na procura dunha Igrexa poderosa e opulenta para maior honra e gloria de Deus Todopoderoso.